Os centros que comezaron a recoller pilas a finais de novembro de 2018 foron os primeiros en finalizar a súa participación no Concurso Pilabot, unha vez cumpridas as 5 semanas lectivas previstas. Así, tal e como está contemplado nas bases legais, comezouse a recoller os contedores cheos de pilas e acumuladores portátiles nestes centros.

Primeiros datos

As múltiples solicitudes de contedores adicionais que os centros foron pedindo nas últimas semanas xa vaticinaban unha moi boa acollida da iniciativa. Mais agora que xa contamos cos primeiros datos recollidos desde o pasado xoves 17 de xaneiro, non podemos estar máis contentos: máis de 200 contedores e arredor de 15.000 quilos de pilas recollidos en 49 centros.

Algúns centros compartiron nas redes sociais o momento da recollida dos contedores e os resultados obtidos no seu centro:

Nas vindeiras semanas continuará a pesada e retirada de residuos nos centros que rematen a súa participación no Concurso Pilabot. Lembramos que se precisades consultar o día previsto para a visita dos operarios no voso centro ou se queredes solicitar contedores adicionais, podedes contactar a través do teléfono 900 103 138 e no enderezo electrónico pilabot@ofipilas.es.

Selección de gañadores

O Concurso Pilabot arrincou a finais de novembro de 2018 en 150 centros educativos de Primaria e Secundaria de Galicia e ten previsto chegar á súa fin o día 11 do vindeiro mes de febreiro.

Aproveitamos para lembrar que os datos obtidos nas pesadas in situ dos contedores servirán de eixo para elaborar o ranking de quilos recollidos por centro e o ranking de quilos recollidos por alumno. Desta forma poderemos identificar cales serán os centros gañadores dos 4 premios en efectivo do Concurso Pilabot, que poderán investir en material escolar, deportivo e/ou actividades educativas.

Desde o equipo de Pilabot queremos agradecer á comunidade educativa e ás familias a súa involucración. Grazas ao voso esforzo estamos a conseguir unha sociedade máis concienciada para facer un uso sostible das pilas e acumuladores portátiles, reducindo así mesmo a contaminación. Bo traballo!