Entrega de premios do Concurso Pilabot

Ángeles Vázquez salientou o éxito da participación escolar no primeiro concurso ‘Pilabot’, durante o que se recolleron case o 20% das pilas recuperadas en toda Galicia o ano pasado.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda participou o pasado martes 18 de xuño na entrega de premios aos centros e alumnos gañadores do certame, acto que tivo lugar no Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA). Tamén participaron no acto como representantes dos SCRAPs, Laura Alonso, directora xeral de ERP España, e Julio Lema, director de marketing de Ecopilas.

Durante os case tres meses que durou o certame recolléronse preto de 44 toneladas de pilas, acumuladores e baterías usadas, unhas cifras espectaculares e que “superaron as expectativas” iniciais, tal e como subliñou a conselleira.

De feito, a cantidade recollida nos colexios participantes cobra maior importancia se se compara co dato total de pilas recuperadas na comunidade, xa que representa case o 20% das 230,5 toneladas que se recompilaron o ano pasado en toda Galicia. Por iso, a conselleira de Medio Ambiente felicitou a colexios, profesores e alumnos polo grao de implicación demostrado e a boa resposta que tiveron desde o comezo ante unha iniciativa co dobre obxectivo de concienciar ás novas xeracións sobre reciclaxe e de protexer a contorna.

Entrega dos premios de fotografía artística #eusonpilabot

Comezou a entrega de premios pola primeira edición do certame fotográfico #eusonpilabot –no que participaron preto de 80 nenos e nenas- o primeiro premio recaeu en Sofía Iglesias, estudante do CPI Castro Baxoi de Miño e que levou unha tablet; o segundo foi para Nadia Carballo, do CEIP Lamas de Abade de Santiago de Compostela, e gañadora dun altofalante bluetooth; e o terceiro outorgóuselle a Nerea López, alumna do CRA Amencer de Ribadavia, que recibiu como premio unha pulseira fitness.

Nerea López, alumna do CRA Amencer de Ribadavia, acadou o terceiro premio de fotografía #eusonpilabot dotado cunha pulseira fitness.

Nadia Carballo, do CEIP Lamas de Abade de Santiago de Compostela, acadou o segundo premio de fotografía #eusonpilabot dotado cun altofalante bluetooth.

Sofía Iglesias, estudante do CPI Castro Baxoi de Miño, acadou o primeiro premio de fotografía #eusonpilabot dotado cunha tablet.

Continou a celebración coa entrega de premios aos centros educativos gañadores, que constan de catro premios económicos destinados á compra de material escolar, deportivo ou para a realización de actividades educativas. O CEIP de Caión (A Laracha), o CPR Plurilingüe la Purísima (Ourense) e o CRA Amencer (Ribadavia) foron os tres centros galardoados nesta primeira edición de Pilabot por presentar as mellores cifras de reciclaxe de pilas nas dúas categorías en que se dividiu o concurso: quilos totais de residuos recompilados nos centros; e cantidade media recollida por alumno.

Así, o CEIP de Caión levouse o primeiro posto en termos absolutos, xa que durante os dous meses e medio que durou a iniciativa recolleu un total de 1.381,80 quilos de pilas e baterías. Este colexio resultou dobremente galardoado xa que tamén acadou a segunda posición no ránking de media por estudante, cun total de 37,75 quilos por cada estudante. O CPR La Purísima quedou en segunda posición, cun total de 1.078,75 recollidos nas súas instalacións; e o Centro Rural Agrupado Amencer logrou a mellor ratio de material recuperado en relación ao seu alumnado: 64,89 quilos por neno.

Mari Carmen Castro, docente do CEIP de Caión, recolleu o segundo premio da categoría B (pilas recollidas por alumno), dotado con 1.250 €.

Maria Cruz Estevez, directora do CRA Amencer de Ribadavia, recolleu o primeiro premio da categoría B (pilas recollidas por alumno), dotado con 2.500 €.

O segundo premio da categoría A (pilas recollidas por centro), dotado con 1.250 €, recollérono María Álvarez, xefa de estudos, Hugo Sierra e Nora Vázquez, alumnos do CPR Plurilingüe La Purísima de Ourense.

Mari Carmen Castro, docente do CEIP de Caión, voltou a subir ao escenario para recoller o primeiro premio da categoría A (pilas recollidas por centro), dotado con 2.500 €.

Fotografías dos premiados na campaña Pilabot

A continuación da entrega de premios, interviron Laura Alonso, directora xeral de ERP España e Ángeles Vázquez, conselleira de medio Ambiente, Territorio e Vivenda, que aproveitaron para salientar o bó traballo realizado polos alumnos e centros.  Despois, procedeuse a realizar unha foto con todos os galardoados.

Representantes dos centros gañadores do Concurso Pilabot, as alumnas gañadoras do certame de fotografía #eusonpilabot e as autoridades que representan ás entidades organizadoras da campaña Pilabot, posaron para unha fotografía.

Os representantes dos centros gañadores que asistiron á entrega de premios aproveitaron para realizar unha fotografía de grupo.

Foto de grupo do CEIP de Caión.

Foto de grupo do CPR Plurilingüe La Purísima de Ourense.

Foto de grupo do CRA Amencer de Ribadavia.

Un pouco de maxia para rematar o acto

E como broche final a esta entrega de premios, os asistentes puideron gozar dun espectáculo de maxia a cargo do Mago Romarís.

Unha das docentes participou como voluntaria para a realización dun truco de maxia con cordas.

O mago Romarís contou cuns axudantes de luxo!