A 1ª edición do concurso ‘Pilabot’ resólvese con preto de 44 toneladas de pilas e baterías recollidas en 150 colexios

O CEIP de Caión, en A Laracha, o CPR La Purísima de Ourense e o CRA Amencer de Ribadavia foron os tres centros gañadores do certame e repartiranse catro premios económicos para investir na compra de material escolar ou deportivo.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de resolver o primeiro concurso de recollida de pilas Pilabot, un certame que se desenvolveu entre o 26 de novembro de 2018 e o 11 de febreiro deste ano en 150 centros de educación primaria e secundaria de toda Galicia e que se saldou coa recollida de preto de 44 toneladas de pilas, acumuladores e baterías usadas.

Os centros gañadores do certame, que se enmarca nunha campaña de sensibilización para fomentar a recollida selectiva deste tipo de residuos entre os escolares galegos, son o CEIP de Caión (A Laracha), o CPR Plurilingüe La Purísima (Ourense) e o CRA Amencer (Ribadavia). Estes tres colexios conseguiron as mellores cifras de recuperación nas dúas categorías nas que se dividía o concurso: quilos de pilas, baterías e acumuladores recompilados nos contedores dos propios centros; e cifras de recollida por alumno.

Concretamente, o Centro de Educación Infantil e Primaria de Caión levouse o primeiro posto en termos absolutos, xa que durante os dous meses e medio que durou a iniciativa recolleu un total de 1.382 quilos de pilas e baterías nas súas instalacións. Este colexio resultou dobremente galardoado xa que tamén acadou a segunda posición no ránking de quilos recompilados por alumno, cun total de 37 quilos por cada estudante.

O Colexio Plurilingüe La Purísima de Ourense quedou en segunda posición en canto a cifras globais de recollida, cun total de 1.115 quilos; mentres que o Centro Rural Agrupado (CRA) Amencer logrou as mellores cifras de material recuperado en relación ao seu alumnado: 65 quilos por estudante.

Os tres centros recibirán un premio económico que deberán destinar á compra de material escolar ou deportivo. Concretamente, os primeiros premios de ambas categorías están dotados con 2.500 euros cada un, mentres que os centros que quedaron en segunda posición levarán como recompensa 1.250 euros.

A entrega de premios terá lugar no Museo Pedagóxico de Galicia en Santiago, o 4 de xuño. A este acto acudirán representantes de todos os centros galardonados e tamén os alumnos gañadores do certame individual de fotografía artística #eusonpilabot, que se desenvolveu de forma paralela e co mesmo fin que o concurso de recollida de pilas. As gañadoras deste certame fotográfico, cuxas obras se deron a coñecer o mes pasado a través de Facebook tras elixir as mellores instantáneas de entre os 80 participantes, son Sofía Iglesias, estudante do CPI Castro Baxoi de Miño; Nadia Carballo, do CEIP Lamas de Abade de Santiago de Compostela; e Nerea López, alumna do CRA Amencer de Ribadavia.

Campaña ‘Pilabot’

Cómpre lembrar que a campaña Pilabot foi posta en marcha o pasado 22 de outubro pola Consellería de Medio Ambiente en colaboración cos xestores deste tipo de residuos autorizados en Galicia (Ecopilas, ERP e Ecolec), co obxectivo de fomentar a reciclaxe de pilas entre os escolares galegos e as súas familias. En total, 150 colexios de primaria e secundaria (53 da provincia de A Coruña; 15 de Lugo; 31 de Ourense; e 51 de Pontevedra) adheríronse á mesma durante o curso 2018-2019.

Ademais dos dous concursos, entre as actividades programadas no marco de Pilabot tamén se incluíron accións informativas e charlas educativas nos propios centros, coa entrega de material divulgativo sobre a campaña e a reciclaxe de pilas, así como actividades participativas co alumnado.

Cómpre lembrar que este tipo de residuos teñen unha alta carga contaminante. A modo de exemplo, unha soa pila de botón, como a que se emprega nun reloxo, pode contaminar ata 600.000 litros de auga, o que equivale ao consumo de 30 persoas durante toda a súa vida polo que resulta primordial que este tipo de residuo se deposite no colector correspondente para darlle o tratamento axeitado.

Ademais, as pilas atópanse en múltiples dispositivos, como xoguetes, cámaras, lanternas, reloxos… polo que desde a Consellería de Medio Ambiente considérase fundamental fomentar a súa correcta separación non só nos fogares, senón tamén nos traballos, centros de ocio e colexios, un dos mellores lugares para trasladar ás futuras xeracións a importancia de separar ben e depositar estes residuos en contedores específicos.

En todo caso, nos últimos anos tense incrementado de forma notable a concienciación da poboación galega con respecto ao tratamento das pilas, pero aínda queda camiño por andar. Segundo as cifras de 2017 (últimos datos dispoñibles), en Galicia recuperáronse 225.356 quilos de pilas, o que supón un incremento dun 23% nos últimos 9 anos.