05 Xuñ A fase final da segunda edición de Pilabot trasládase ao vindeiro curso escolar
Chegados á recta final do presente curso escolar e ante a imposibilidade de retomar as clases presenciais para o alumnado galego, a organización de Pilabot – a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, coa colaboración dos SCRAP de pilas autorizados en Galicia (Ecopilas, ERP e Ecolec), vén de tomar a decisión de trasladar a última fase do concurso a comezos do vindeiro curso escolar 2020/2021.
Debido á situación provocada polo Covid-19, o concurso quedou suspendido de maneira temporal o pasado mes de marzo, a expensas de que se retomase a actividade escolar para poder continuar coa fase de recollida de pilas naqueles centros que aínda non completaran as seis semanas lectivas de concurso no momento en que se decretou o estado de alarma. Coa decisión de aprazar a finalización do concurso ao vindeiro curso escolar, a organización poderá garantir igualdade de oportunidades para todos os centros participantes, tendo en conta a excepcional situación na que nos atopamos.
Recollida de residuos en xuño previa solicitude
Ademais, a organización de Pilabot pon a disposición dos centros que aínda se atopaban en fase de recompilación de pilas usadas a opción de realizar unha recollida intermedia antes de que remate o presente curso escolar 2019/2020, co fin de aliviar os espazos ocupados polas pilas acumuladas. Esta recollida realizarase durante o mes de xuño, e por suposto, os datos recollidos computarán para a elaboración do ranking final a partir do que se seleccionarán aos gañadores do concurso Pilabot.
Os centros interesados deberán realizar a solicitude de recollida intermedia entre os días 5 e 11 de xuño a través do teléfono 900 103 138 e do enderezo electrónico pilabot@ofipilas.es
Concurso de fotografía artística
Por outra banda, a crise do coronavirus tamén afectou á fase final do certame de fotografía artística #eusonpilabot. Agora, coincidindo coa recta final do curso escolar e tendo en conta que se trata dunha actividade non presencial, a organización decidiu retomar o certame fotográfico no punto en que quedara paralizado. Así, do 8 ao 15 de xuño reactivarase a fase de votación en liña para elixir as 3 fotografías gañadoras. Calquera persoa poderá votar polas fotografías que máis lle gusten en http://bit.ly/votaeusonpilabot e os premios son unha tablet, un altofalante bluetooth e unha pulseira fitness.