A organización de Pilabot salienta o compromiso ambiental da comunidade educativa no acto de entrega de premios da súa 5ª edición

  • A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, participou na entrega de premios da quinta edición deste certame.
  • Os 32.000 alumnos dos 150 centros de primaria e secundaria participantes nesta edición recuperaron máis de 40.300 quilos de pilas, acumuladores e baterías usadas.
  • O CEIP Carmen García Carrasco, de Cenlle, e o CRA Amencer, de Ribadavia, gañaron a quinta edición deste certame, organizado pola Xunta de Galicia, en colaboración con Ecopilas, ERP España e ECOLEC.

ACTO DE ENTREGA DE PREMIOS PILABOT

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, puxo hoxe en valor o compromiso ambiental da comunidade educativa logo de que aportase, ao abeiro do concurso Pilabot, o 13% das preto de 316 toneladas de pilas recollidas en 2023 en toda Galicia.

O acto de entrega de premios, celebrado este mércores no MUPEGA, contou coa presenza de Belén Blanco, responsable de comunicación de ERP España, e Julio Lema, director de marketing e eventos de Ecopilas, en representación dos SCRAP (Sistemas Colectivos de Responsabilidade Ampliada) de pilas autorizados en Galicia. Tamén asistiu a delegada territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Belén do Campo, o director xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, Ramón Boga, e a delegada territorial de Medio Ambiente de Ourense, María José Fernández.

Durante o acto de entrega de premios aos gañadores desta quinta edición do concurso de recollida de pilas, Ángeles Vázquez salientou que os 32.000 alumnos, de entre 6 e 16 anos, dos 150 centros de primaria e secundaria participantes nesta ocasión, recuperaron máis de 40.300 quilos de pilas, acumuladores e baterías usadas.

Nesa liña, a conselleira enxalzou o relevante papel do profesorado ao “transmitir a importancia do coidado e do respecto ao medio ambiente, ensinar como xestionar os residuos que se xeran na vida cotiá e acompañar ao alumnado no proceso de aprender a protexer o noso planeta”.

A maiores, Ángeles Vázquez lembrou que ese alumnado tamén ten o labor fundamental de ser “os protagonistas do cambio” que permitan consolidar a resiliencia da Comunidade contra o cambio climático avanzando cara a unha Galicia “formada e sensibilizada nos valores de respecto e compromiso coa protección do medio ambiente, que contribúe ao desenvolvemento sustentable e que mellora a calidade de vida presente e futura”.

“Sodes os verdadeiros embaixadores do medio ambiente e levades a cabo unha magnífica tarefa de sensibilización ambiental nos vosos fogares, nos vosos centros educativos e tamén no voso círculo de amizades”, engadiu Ángeles Vázquez.

Nese senso, a representante autonómica subliñou que iniciativas como o concurso Pilabot contribúen a esa concienciación ambiental. De feito, desde que se puxo en marcha este certame, en 2019, xa se recolleron un total de 244 toneladas de pilas, acumuladores e baterías usadas, o que, segundo dixo a representante autonómica, equivale a 14 tráileres.

Quinta edición de Pilabot

Nesta quinta edición recolléronse un total de 40.304 quilogramos destes refugallos, dos que máis de 6 toneladas foron aportadas polos centros gañadores. Así, o CEIP Carmen García Carrasco de Cenlle levou o primeiro posto en termos absolutos, ao recoller preto de 2,3 toneladas de pilas na súas instalacións —en concreto, 2.291 kg—. Pola súa banda, o Colexio Plurilingüe Divina Pastora M.M. Franciscanas, de Ourense, foi segundo, con 2.183,44 quilos recollidos.

Tamén se entregaron os premios aos centros coas mellores ratios de recollida por alumno. Neste caso, o gañador foi o CRA Amencer, de Ribadavia, con 47,41 quilogramos por estudante mentres que o CEIP Roberto Blanco Torres, da Peroxa, recibiu o segundo premio logo de recoller 25,59 kg por alumno.

Os catro centros reciben un premio económico que deben destinar á compra de material escolar ou deportivo. Concretamente, os primeiros premios de ambas categorías están dotados con 2.500 euros cada un, mentres que os centros que quedaron en segunda posición levarán como recompensa 1.250 euros.

O certame Pilabot, posto en marcha pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático en colaboración cos xestores de pilas autorizados na Comunidade —Ecopilas, ERP España e Ecolec—, busca fomentar a reciclaxe de pilas entre a comunidade escolar e as familias do alumnado, ao tempo que se facilita información e recursos didácticos para promover actitudes positivas que preveñan os problemas de contaminación que poden ser derivados se non se xestionan de forma adecuada.

Unha entrega de premios máxica

Todas as persoas que asistiron hoxe a este acto, tanto grandes coma pequenos, gozaron da destreza do Mago Vituco, que puxo o broche final a esta cerimonia de entrega de premios con varios trucos de maxia clásica e coa axuda dalgúns voluntarios moi entregados. Foi unha marabillosa maneira de pechar unha mañá chea de recoñecementos e celebracións, na que a ilusión e o compromiso co medio ambiente foron os protagonistas. Así, con maxia e un forte compromiso ambiental, concluímos unha exitosa quinta edición de Pilabot.

CLASIFICACIÓN DE CENTROS PARTICIPANTES NA 5ª EDICIÓN DE PILABOT

En relación ao concurso de recollida de pilas en centros escolares, os 150 centros participantes poden consultar os resultados obtidos polo seu centro nesta quinta edición da campaña Pilabot:

  1. Clasificación da categoría A: quilos de pilas totais recollidos por centro (DESCARGA O DOCUMENTO).
  2. Clasificación da categoría B: quilos de pilas totais recollidos por alumno (DESCARGA O DOCUMENTO).