
17 Xuñ A organización de Pilabot salienta os bos resultados da sexta edición do concurso no acto de entrega de premios
- Ángeles Vázquez destaca que é a terceira cifra máis alta desde a posta en marcha desta iniciativa e que desde o inicio deste certame xa se recolleron preto de 292 toneladas de pilas, acumuladores e baterías usadas.
- Explica que os máis novos son os mellores transmisores á hora de sensibilizar ás súas familias da necesidade de facer unha boa xestión dos refugallos.
- O Colexio Plurilingüe Divina Pastora M.M. Franciscanas, de Ourense, e o CEIP Virxe de Guadalupe, de Avión, gañaron este ano este certame, organizado pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático en colaboración cos xestores de pilas autorizados en Galicia.
Ourense, 17 de xuño de 2025.- O Colexio Plurilingüe Divina Pastora M.M. Franciscanas acolleu esta mañá a entrega de premios da sexta edición do Concurso Pilabot, unha iniciativa da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático en colaboración cos xestores de pilas autorizados na comunidade —Ecopilas, ERP, Ecolec e Unibat—, que promove a recollida selectiva de pilas nos centros educativos galegos.
O acto contou coa presenza da conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, acompañada da directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, María José Echevarría así como da delegada territorial de Medio Ambiente en Ourense, María José Fernández. Participaron tamén Laura Alonso, directora xeral de ERP España, e Marcel Mongay, director de UNIBAT.
O certame Pilabot ten como obxectivo sensibilizar á comunidade escolar e ás familias sobre a importancia de reciclar este tipo de residuos, ao tempo que ofrece recursos didácticos para fomentar hábitos responsables e previr a contaminación derivada dunha inadecuada xestión.
Desde a súa posta en marcha en 2018, esta iniciativa logrou recoller preto de 292 toneladas de pilas, acumuladores e baterías usadas. Tal e como destacou a conselleira, esta cifra equivale a uns 16 camións de carga cheos de residuos correctamente xestionados.
A xornada comezou coa intervención de Javier Padrón, director do centro anfitrión, quen deu a benvida ás persoas asistentes. A continuación, tomaron a palabra os representantes dos SCRAPs. Laura Alonso e Marcel Mongay dirixíronse ao alumnado e profesorado para felicitalos polo seu esforzo e animalos a continuar coa súa importante labor de concienciación ambiental.
En concreto, nesta sexta edición, na que participaron máis de 31.600 estudantes, recolléronse un total de 47.780 quilogramos de pilas, acumuladores e baterías usadas, dos que preto de 9 toneladas foron aportados polos centros gañadores. Así, o Colexio Plurilingüe Divina Pastora M.M. Franciscanas, de Ourense, levou o primeiro posto en termos absolutos, ao recoller preto de 5 toneladas de pilas na súas instalacións —en concreto, 4.905 kg—. Pola súa banda, o CEIP Plurilingüe Santiago de Oliveira, de Ponteareas, foi segundo, con 3.912,05 quilos recollidos.
Tamén se entregaron os premios aos centros coas mellores ratios de recollida por alumno. Neste caso, o gañador foi o CEIP Virxe de Guadalupe, de Avión, con 90,75 quilogramos por estudante mentres que o CEIP Carmen García Carrasco, de Cenlle, recibiu o segundo premio logo de recoller 90,14 kg por alumno.
Os catro centros reciben un premio económico que deben destinar á compra de material escolar ou deportivo. Concretamente, os primeiros premios de ambas categorías están dotados con 2.500 euros cada un, mentres que os centros que quedaron en segunda posición levarán como recompensa 1.250 euros.
Unha vez entregados todos os premios, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, dirixiuse aos asistentes e salientou os “bos resultados” da sexta edición do concurso Pilabot coa recollida de 47,8 toneladas de pilas, o que supón 7,5 toneladas máis que no pasado curso, e a terceira cifra máis alta desde a posta en marcha desta iniciativa. Ademáis, puxo en valor esta iniciativa que permite concienciar aos máis novos sobre a importancia de ser responsables no consumo e xestión dos residuos para aforrar recursos e enerxía, protexer o medio ambiente e coidar a saúde das persoas.
Nesa liña, ademais de enxalzar a implicación do profesorado na concienciación ambiental do alumnado, a conselleira engadiu que os máis novos “son os mellores transmisores” á hora de sensibilizar ás súas familias da necesidade de facer unha boa xestión dos refugallos co seu depósito nos contedores adecuados para garantir a súa correcta reciclaxe e facilitar a súa reutilización.
Un final cheo de ilusión e maxia
A sexta edición de Pilabot concluíu cun momento cheo de sorpresa e ilusión: ao rematar a entrega de premios, o presentador do acto deu paso a unha última actuación… protagonizada por el mesmo! Tras un xesto simbólico de autoreciclaxe, transformouse no Mago Romarís e encheu o escenario de trucos, sorrisos e participación do público. Pequenos e maiores gozaron dun espectáculo cheo de creatividade, que puxo o peche perfecto a unha xornada na que a educación ambiental e o compromiso coa reciclaxe foron os grandes protagonistas.

CLASIFICACIÓN DE CENTROS PARTICIPANTES NA 6ª EDICIÓN DE PILABOT
En relación ao concurso de recollida de pilas en centros escolares, os 150 centros participantes poden consultar os resultados obtidos polo seu centro nesta sexta edición da campaña Pilabot: