A segunda edición do concurso escolar ‘Pilabot’ comezará o próximo 13 de xaneiro en 150 colexios

  • Todas as prazas dispoñibles para participar na iniciativa xa están cubertas e a Consellería mantén aberta unha lista de agarda para atender posibles renuncias
  • A Xunta e os xestores autorizados deste tipo de residuos repartirán entre todos os participantes bidóns rotulados e outro tipo de material relacionado coa campaña
  • Haberá dúas categorías e catro premios dotados en total con 7.500 euros para investir en material escolar, deportivo ou na realización de actividades educativas

A segunda edición de Pilabot, unha iniciativa para promover a recollida selectiva de pilas, acumuladores e baterías usadas nos centros educativos de primaria e secundaria da comunidade, comezará oficialmente o vindeiro 13 de xaneiro. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, en colaboración cos xestores de pilas autorizados en Galicia (Ecopilas, ERP e Ecolec), impulsarán de novo esta campaña dirixida ao eido escolar coa finalidade de concienciar ás novas xeracións sobre o impacto medioambiental que teñen este tipo de residuos.

A semana pasada pechouse o prazo de inscrición e en apenas 15 días esgotáronse todas as prazas dispoñibles. En total participarán nesta segunda edición de Pilabot 150 colexios de toda Galicia –concretamente, 62 da provincia de Pontevedra, 54 da Coruña, 19 de Ourense e 15 de Lugo- e en vista da boa acollida que volveu ter entre a comunidade educativa, a Consellería decidiu abrir unha lista de agarda, por se se produce algunha renuncia.

A actividade central da campaña deste ano volverá ser o concurso escolar de reciclaxe, de forma que todos os centros participantes competirán entre si para acadar as mellores cifras de recollida de pilas de Galicia.

A primeira semana á volta das vacacións de Nadal, a partir do 13 de xaneiro, comezará o reparto progresivo en todos os centros participantes dos bidóns e do resto do material, carteis e merchandising vencellados á campaña, un proceso que se prolongará ata o 14 de febreiro. O alumnado das 150 escolas inscritas poderá entón empezar a depositar nos seus respectivos colexios todas as pilas, acumuladores e baterías usadas que logre recompilar.

A campaña de recollida prolongarase ata o 31 de marzo e os alumnos e os colexios que consigan recuperar durante este período a maior cantidade de residuos serán os gañadores. En total repartiranse 7.500 euros divididos en catro premios e dúas categorías, que deberán destinarse á compra de material escolar e deportivo ou a organizar actividades educativas.

Nesta segunda edición, o obxectivo da Xunta é igualar ou mesmo superar os bos resultados acadados o curso pasado ao tempo que se afonda na concienciación dos nenos sobre a importancia da reciclaxe e a recollida selectiva dos residuos. De feito, durante a primeira convocatoria de Pilabot recolléronse entre todos os centros participantes preto de 44 toneladas de pilas, acumuladores e baterías usadas, unhas cifras espectaculares xa que representan case a quinta parte das 230,5 toneladas recuperadas o ano pasado en toda a comunidade autónoma.

Cómpre lembrar que as pilas son un tipo de residuo que ten unha alta carga contaminante e ademais están presentes en toda clase de dispositivos. Por esta razón, desde a Consellería de Medio Ambiente considérase especialmente importante fomentar a súa correcta separación desde os colexios co fin de que a mensaxe chegue ás novas xeracións e contribúa a conciencialas sobre o impacto medioambiental que poden chegar a ter.

A modo de exemplo, unha soa pila de botón como a que se emprega nun reloxo pode contaminar ata 600.000 litros de auga, o que equivale ao consumo de 30 persoas durante toda a súa vida. Por iso, resulta primordial que este tipo de residuo se deposite no colector correspondente para garantir que se lle dea o tratamento axeitado.

En todo caso, nos últimos anos tense detectado un incremento notable da concienciación da poboación galega con respecto ao tratamento das pilas, pero aínda queda camiño por andar. Segundo as cifras de 2018, as últimas dispoñibles, en Galicia recuperáronse 230,5 toneladas de pilas, o que supón un incremento do 25% na última década e do 8% respecto ás cifras de hai tres anos. No caso concreto das pilas de orixe doméstica, a tendencia é igualmente positiva, superando en 2018 as 200 toneladas recollidas.