
02 Abr A Sexta edición da campaña Pilabot da Xunta chega ao seu ecuador coa realización de talleres didácticos en medio cento de colexios e as primeiras recollidas
- A directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade reuniuse esta mañá con representantes dos xestores de pilas autorizados, cos que colabora nesta iniciativa
- María José Echevarría destaca a necesidade de fomentar a reciclaxe de pilas entre a comunidade escolar e de promover actitudes positivas entre a mocidade para previr problemas de contaminación derivados dunha xestión inadecuada destes refugallos
- A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e os sistemas colectivos de responsabilidade ampliada dos produtores (SCRAP) de pilas negocian un novo convenio para renovar e actualizar as súas liñas de colaboración en Galicia
A campaña escolar Pilabot, unha iniciativa de sensibilización e reciclaxe impulsada pola Xunta co apoio dos xestores de pilas autorizados Ecopilas, ERP, Ecolec e Unibat, acaba de superar o ecuador da súa sexta edición, despois de que se completaran no mes de marzo os primeiros recontos de pilas, acumuladores e baterías usadas recollidas nalgúns dos centros participantes e de que se impartiran os 50 talleres didácticos previstos este ano noutros tantos colexios.
Este foi un dos temas principais que abordaron hoxe a directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, María José Echevarría, e representantes dos sistemas colectivos de responsabilidade ampliada do produtor de pilas (SCRAP), cos que mantivo unha reunión de traballo sobre distintos asuntos de interese común.
En concreto e tras lembrar que a Xunta, a través da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, leva seis anos impulsando da man dos SCRAP a campaña Pilabot en centros de educación primaria e secundaria, Echevarría destacou a necesidade de fomentar a reciclaxe de pilas entre a comunidade escolar con iniciativas de éxito como esta, xa que axudan a promover actitudes positivas entre a mocidade para previr os problemas de contaminación derivados dunha xestión inadecuada destes refugallos.
De feito, ao longo dos últimos anos, Pilabot consolidouse como unha iniciativa de referencia no eido da educación ambiental en Galicia, acadando a implicación de milleiros de estudantes e docentes por todo o territorio.
Así, desde a súa posta en marcha en 2019, a campaña permitiu recoller máis de 244 toneladas de pilas, o que equivale a 14 tráileres cheos de residuos reciclados, reducindo a contaminación e fomentando a reutilización de materiais.
No caso da edición deste ano, cómpre lembrar que o concurso de recollida de pilas nos 150 colexios inscritos comezou o 23 de xaneiro co reparto paulatino de bidóns, colectores e outro tipo de material informativo relacionado coa campaña. A partir de aí, cada centro dispón de seis semanas lectivas para participar e xuntar este tipo de residuos; de feito, no mes de marzo xa se completaron as pesadas do material recollido nos primeiros colexios en completar a súa participación.
En todo caso, o concurso de recollida de pilas estenderase aínda ata o 12 de maio e os gañadores recibirán 7.500 euros en premios co seguinte reparto: dous de 2.500 euros cada un para o colexio que máis quilos recupere e para o que teña a mellor taxa de recollida por alumno, e outros dous de 1.250 euros para os segundos clasificados en cada categoría.
Precisamente, para seguir colaborando no eido da recuperación e da reciclaxe de pilas, acumuladores e baterías usadas, a directora xeral e os representantes dos SCRAP aproveitaron a reunión para avanzar tamén nos detalles do próximo convenio plurianual entre ambas partes, actualmente en negociación e pendente de sinatura.