20221121_pilabot_presentacion_Nigran_01_A-DX-presentou-a-campaña-no-CEIP-da-Cruz-de-Nigrán_baixa

A Xunta lanza a cuarta edición da campaña escolar Pilabot para concienciar sobre a reciclaxe de pilas á comunidade educativa

  • Os colexios de primaria e secundaria que estean interesados en participar poderán inscribirse en liña na páxina da campaña desde hoxe e ata o próximo 9 de decembro
  • Sagrario Pérez salienta os “espectaculares” datos de recollida das dúas edicións anteriores e anima á comunidade escolar a implicarse nesta nova convocatoria
  • Os centros participantes optarán a catro premios por un importe global de 7.500 € que deberán investir na compra de material ou en organizar actividades educativas

A Xunta de Galicia, coa colaboración e apoio dos xestores de pilas autorizados Ecopilas, ERP e Ecolec, impulsarán un ano máis a campaña escolar Pilabot, unha iniciativa para promover a concienciación das novas xeracións sobre a reciclaxe e que terá como actividade principal un concurso de recollida de pilas, acumuladores e baterías usadas entre o alumnado de todos os colexios de primaria e secundaria participantes.

Durante unha visita ao CEIP da Cruz, en Nigrán, un dos centros educativos que participou nas tres edicións anteriores, resultando gañador do segundo premio durante o curso 2019-2020, a directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, subliñou que grazas ao esforzo realizado polos escolares dos 150 centros inscritos na pasada edición se reciclaron preto de 54 toneladas de pilas, un dos residuos domésticos máis perigosos e altamente contaminantes.

20221121_pilabot_presentacion_Nigran_02_-A-DX-xunto-a-Julio-Lema-e-o-equipo-directivo-do-centro_baixaO obxectivo da que será a cuarta convocatoria de Pilabot será superar estas cifras e para logralo, a directora xeral animou aos centros educativos de toda Galicia a implicarse na campaña, que nesta ocasión volverá contar cun total de 150 prazas dispoñibles.

Desde hoxe e ata o vindeiro 9 de decembro todos os colexios públicos, privados ou concertados que estean interesados en participar na iniciativa poderán inscribirse a través da páxina web de Pilabot.

A actividade central volverá ser o concurso escolar de reciclaxe de pilas, baterías e acumuladores de xeito que unha vez pechado o prazo de inscrición, repartiranse entre todos os participantes bidóns colectores e material informativo como paso previo ao arranque da recollida, que comezará oficialmente o vindeiro 11 de xaneiro e se prolongará en cada centro durante un período de seis semanas (ata o 14 de abril).
Tras insistir nos “espectaculares” resultados das edicións anteriores de Pilabot, Sagrario Pérez felicitou en especial ao alumnado do CEIP da Cruz pola súa participación nas tres convocatorias anteriores, nas que recolleron preto de 6.300 kg deste tipo de refugallos.  De feito, subliñou que durante o curso 2019-2020, este centro de Nigrán logrou o segundo posto na categoría de recollida por colexio.

Neste sentido, cómpre lembrar que a concienciación da sociedade galega con respecto a este material e a necesidade de reciclalo correctamente vai en aumento, destacando que só no período 2018-2020 a recollida deste tipo de residuos creceu un 60%.

En canto ás cifras do ano pasado, os xestores de pilas autorizados na Comunidade recolleron un total de 323 toneladas destes refugallos procedentes dos fogares galegos, de forma que case o 17% desta cantidade —ao redor de 54 toneladas— foi achegada polos centros educativos participantes na terceira edición de Pilabot.

Por iso, Sagrario Pérez subliñou que os 115.000 nenos e rapaces galegos que participaron desde o ano 2018 nesta iniciativa que se desenvolve no eido educativo son “un exemplo a seguir” e a mellor proba da efectividade que teñen este tipo de campañas de concienciación sobre o impacto ambiental de determinados residuos.

No acto interviu tamén Julio Lema, director de marketing e eventos de Ecopilas, en representación de todos os Sistemas Colectivos de Responsabilidade Ampliada do Produtor (SCRAP) de pilas e acumuladores autorizados en Galicia que coorganizan esta campaña: ECOPILAS, ERP e ECOLEC. Julio Lema destacou a importancia da recollida selectiva de lixo para evitar a contaminación, ademáis de salientar a grandísima labor que está a desenvolver o alumnado dos centros escolares galegos que participan ano tras ano na campaña Pilabot, como é o caso dos alumnos do CEIP da Cruz.

20221121_pilabot_presentacion_Nigran_004_baixaReciclar ten premio

Os gañadores do concurso de reciclaxe de pilas deste curso, durante o cal os centros participantes competirán entre si para acadar as mellores cifras de recollida, repartiranse 7.500 euros divididos en catro premios: dous de 2.500 euros cada un para o centro que máis quilos recupere e para o que teña a mellor taxa de recollida por alumno, e outros dous de 1.250 euros para os segundos clasificados en cada categoría.

Os colexios que ao remate da competición resulten galardoados deberán destinar o diñeiro dos premios recibidos á compra de material escolar, deportivo ou á organización de actividades educativas co seu alumnado.

En todo caso, a campaña Pilabot tamén incluirá outro tipo de actividades, como charlas e talleres de sensibilización ambiental, o reparto de material específico relacionado coa iniciativa entre todos os centros participantes e un certame artístico de carácter individual que se convocará máis adiante baixo o lema #EuSonPilabot para poñer a proba a imaxinación e a creatividade dos escolares galegos.