231107_presentacion_Pilabot5_04

A XUNTA PON EN MARCHA A QUINTA EDICIÓN DA CAMPAÑA ESCOLAR PILABOT PARA CONCIENCIAR Á COMUNIDADE EDUCATIVA SOBRE A RECICLAXE DE PILAS

  • Desde a Consellería de Medio Ambiente animan á comunidade escolar a implicarse nesta nova convocatoria
  • Os colexios de primaria e secundaria que estean interesados en participar poderán inscribirse en liña na páxina da campaña desde hoxe e ata o próximo 5 de decembro
  • Os centros participantes optarán a catro premios por un importe global de 7.500 € que deberán investir na compra de material ou en organizar actividades educativas

Cenlle (Ourense), 7 de novembro de 2023.- A Xunta de Galicia, coa colaboración e apoio dos xestores de pilas autorizados en Galicia Ecopilas, ERP e Ecolec, impulsan un ano máis a campaña escolar Pilabot, unha iniciativa para promover a concienciación das novas xeracións sobre a reciclaxe e que terá como actividade principal un concurso de recollida de pilas, acumuladores e baterías usadas entre o alumnado de todos os colexios de primaria e secundaria participantes.

Durante unha visita ao CEIP Carmen García Carrasco, en Cenlle, un dos centros educativos que participou nas catro edicións anteriores, resultando gañador na categoría de quilos totais recollidos por alumno no curso 2022-2023, a directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, subliñou que grazas ao esforzo realizado polos escolares dos 150 centros inscritos na pasada edición se reciclaron máis de 46 toneladas de pilas, un dos residuos domésticos máis perigosos e altamente contaminantes.

Logo de indicar que todos os colexios públicos, privados ou concertados que estean interesados en participar na iniciativa poderán inscribirse a través da páxina web de Pilabot desde hoxe, 7 de novembro, e ata o vindeiro 5 de decembro, Sagrario Pérez, que estivo acompañada por Julio Lema, director de marketing de Ecopilas (en representación dos SCRAPS), polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e pola alcaldesa da localidade, Rebeca Sotelo, animou aos centros educativos de toda Galicia a implicarse na campaña, que, nesta ocasión, volverá contar cun total de 150 prazas dispoñibles. Nesa liña, cómpre salientar que na última edición as prazas se cubriron en apenas unha semana e o 57% dos centros xa participaran con anterioridade na campaña Pilabot.

A actividade central volverá ser o concurso escolar de reciclaxe de pilas, baterías e acumuladores en desuso. Así, a partir do 10 de xaneiro comezará o reparto paulatino entre todos os participantes dos bidóns, colectores e material informativo. Unha vez recibido todos eses materiais, cada centro terá seis semanas lectivas para participar na campaña, que rematará o 19 de abril.

Reciclar ten premio

Os gañadores do concurso de reciclaxe de pilas deste curso, durante o cal os centros participantes competirán entre si para acadar as mellores cifras de recollida, repartiranse 7.500 euros divididos en catro premios: dous de 2.500 euros cada un para o centro que máis quilos recupere e para o que teña a mellor taxa de recollida por alumno, e outros dous de 1.250 euros para os segundos clasificados en cada categoría.

Os colexios que ao remate da competición resulten galardoados deberán destinar o diñeiro dos premios recibidos á compra de material escolar, deportivo ou á organización de actividades educativas co seu alumnado.

En todo caso, os centros participantes na campaña Pilabot tamén poden ter acceso a outro tipo de actividades, como talleres didácticos sobre a reciclaxe de pilas, que inclúen, ademais, actividades participativas.

A maiores, cómpre lembrar que a concienciación da sociedade galega con respecto a este material e a necesidade de reciclalo correctamente vai en aumento, destacando que só no período 2018-2020 a recollida deste tipo de residuos creceu un 60%.

En canto ás cifras do ano pasado, os xestores de pilas autorizados na Comunidade recolleron un total de 396 toneladas destes refugallos procedentes dos fogares galegos,  un 22,6% máis que en 2021. E, dese total, case o 12% —ao redor de 46 toneladas— foi achegada polos centros educativos participantes na cuarta edición de Pilabot. Nese senso, Sagrario Pérez subliñou a importancia de continuar a concienciar aos máis novos sobre a necesidade de reciclar pilas e acumuladores portátiles.