230616_entregapremiosPilabot_DXSagrarioPerez_fotogrupal

A Xunta premia a un instituto lucense e a tres colexios ourensáns como gañadores da cuarta edición do concurso Pilabot

  • Sagrario Pérez, Directora Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, destaca o gran interese que espertou esta edición, xa que as 150 prazas dispoñibles para participar foron cubertas antes da data límite de inscrición.

  • Subliña tamén que os galegos e galegas reciclaron máis de 396 toneladas de pilas de orixe doméstica en 2022, cun aumento do 21,6% respecto ás cifras do ano anterior.
  • Dos centros concursantes, 24 participaran tamén nas 3 convocatorias anteriores, como o CRA Amencer, premiado por 4º ano consecutivo, e 65 debutaron este curso.
  • Tamén se fixo entrega de cinco tabletas ao alumnado gañador do certame artístico creativo #EuSonPilabot, aberto aos 32.000 escolares galegos implicados na iniciativa.

Acto de entrega de premios Pilabot

A Xunta fixo entrega o pasado 16 de xuño dos premios correspondentes aos catro centros gañadores —un instituto lucense e tres colexios ourensáns— do concurso escolar Pilabot para a recollida de pilas, baterías usadas e acumuladores, que este curso celebrou en Galicia a súa cuarta edición e no marco do cal se recompilaron máis de 46 toneladas —46.649 kg— deste tipo de residuos.

A directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, participou no acto oficial de entrega de premios, xunto aos representantes dos SCRAPS Belén Blanco, responsable de comunicación de ERP España e Julio Lema, director de marketing de Ecopilas. O acto congregou no Museo Pedagóxico de Galicia a un cento de asistentes, entre os que se atopaba profesorado, alumnado e familias dos catro centros escolares galegos que lograron as mellores cifras de recollida no marco desta cuarta edición do concurso.

230616_entregapremiospilabot_intervencións_intervencions

Durante o evento, Pérez destacou o crecente interese que a campaña esperta na comunidade educativa, que ademais de cubrir todas as 150 prazas dispoñibles e manter unha lista de agarda de máis de medio cento de colexios, incorporou nesta edición a 65 centros debutantes.

Ademais, a directora xeral tamén puxo en valor a importancia de iniciativas como Pilabot para concienciar á mocidade da necesidade de reciclar correctamente un residuo moi contaminante e do que o ano pasado se recolleron cifras récord en Galicia, con máis de 396 toneladas de pilas de orixe doméstica, cun incremento do 22,61% respecto a 2021. Unha tendencia que se ten disparado, salientou, desde a posta en marcha do concurso no ano 2019, polo que destacou o “efecto positivo” que ten esta iniciativa sobre a reciclaxe doméstica de pilas, baterías e acumuladores.

En canto aos centros premiados, o IES Muralla de Lugo levou o primeiro posto en termos absolutos, ao recoller máis de 4,6 toneladas de pilas nas súas instalacións —en concreto, 4.654,45 kg—. Pola súa banda, o Colexio Plurilingüe Divina Pastora M.M. Franciscanas, de Ourense, foi segundo, con 2.346,95 quilos recollidos.

No que atinxe á categoría de mellores taxas de recollida por alumno, o gañador foi o CEIP Carmen García Carrasco, de Cenlle, cunha media de 99,53 quilogramos por estudante. O CRA Amencer de Ribadavia –gañador desta mesma categoría na pasada edición do concurso- obtivo a segunda posición, con 43,03 kg recollidos por alumno.

230616_entregapremiosPilabot_DXSagrarioPerez_JulioLemaEcopilas_BelenBlancoERP_premiados

Os catro centros recibiron un premio económico —de 2.500 euros para os gañadores de cada unha das categorías e de 1.250 para os segundos— que deberán destinar, en todo caso, á compra de material escolar ou deportivo.

Durante as catro edicións desta iniciativa, a actividade estrela foi sempre o concurso de recollida de pilas, baterías e acumuladores no que os 150 colexios participantes compiten entre si por demostrar o seu compromiso coa recuperación destes refugallos. A tal fin, os organizadores subministran a cada centro os bidóns para facilitar a recollida durante un período de 6 semanas así como material informativo e merchandising.

Certame de cartel publicitario

Así mesmo e como en edicións anteriores, tamén se convocou o concurso artístico e creativo #EuSonPilabot, aberto á participación dos 32.000 escolares que estudan nalgún dos centros de educación primaria e secundaria inscritos este curso na campaña.

No acto, entregouse unha tableta a 3 dos 5 gañadores deste certame —2 das nenas premiados non asistiron polo que se lles fará chegar o seu regalo—. Os participantes galardoados foron, neste caso, Noa Remuiñan Rojo, do CEIP Castelao de Ordes; Sara Mencía Quintía Pan, do CEIP Torre de Hércules da Coruña; Uxía Rodríguez Ramos, do Colexio Lar de Mos; Saúl José Hernández Cortez, do IES San Tomé do Freixeiro de Vigo; e Ana Lestao Ben, do IES Perdouro de Burela.

230616_entregapremiosEuSonPilabot_DXSagrarioPerez_con_premiados

O acto rematou cun espectáculo de maxia para o deleite dos asistentes.

230616_entregapremiospilabot_espectaculomaxia_01

Clasificación de centros participantes na 4ª edición de Pilabot

En relación ao concurso de recollida de pilas en centros escolares, os 150 centros participantes poden consultar os resultados obtidos polo seu centro nesta cuarta edición da campaña Pilabot:

  1. Clasificación da categoría A: quilos de pilas totais recollidos por centro (DESCARGA O DOCUMENTO).
  2. Clasificación da categoría B: quilos de pilas totais recollidos por alumno (DESCARGA O DOCUMENTO).