20250128 AVMPilabotRibadavia 1

Ángeles Vázquez pon en valor o compromiso da comunidade educativa coa concienciación ambiental a través do concurso de recollida de pilas ‘Pilabot’

  • Agradece a implicación dos cadros directivos e do profesorado nesta iniciativa que vai permitir que máis de 31.600 escolares se formen na importancia do coidado e do respecto ao medio ambiente.
  • Os centros participantes nesta campaña tamén poden ter acceso a outro tipo de actividades ao longo dos meses que durará o concurso, como un total de 50 talleres didácticos sobre a reciclaxe destes residuos.
  • O CRA Amencer participou en todas as edicións deste concurso e nas cinco recibiu algún galardón na categoría de mellor taxa de recollida por alumno.

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, puxo hoxe en valor o compromiso da comunidade educativa coa concienciación ambiental a través de iniciativas como o concurso de recollida de pilas Pilabot, que desenvolve a Xunta, en colaboración e apoio dos xestores de pilas autorizados Ecopilas, ERP e Ecolec, e que este ano chega a súa sexta edición.

Durante a súa visita ao CRA Amencer, en Ribadavia, a conselleira salientou que a campaña escolar Pilabot ten como obxectivo concienciar ás novas xeracións sobre a importancia da reciclaxe a través de actividades como o concurso de recollida de pilas, acumuladores e baterías usadas entre o alumnado de todos os colexios de primaria e secundaria participantes.

Logo de facer fincapé en que este ano as 150 prazas dispoñibles para centros educativos se cubriron en apenas tres días, Ángeles Vázquez explicou que, unha vez iniciado o pasado 23 de xaneiro o reparto paulatino de bidóns, colectores e outro tipo de material informativo, cada centro terá seis semanas lectivas para participar e xuntar este tipo de residuos, con prazo límite ata o vindeiro mes de maio.

Nesa liña, a conselleira agradeceu a implicación dos cadros directivos e do profesorado nesta iniciativa que vai permitir que máis de 31.600 escolares se formen na importancia do coidado e do respecto ao medio ambiente a través, neste caso, da correcta xestión dos residuos que se xeran na vida cotiá.

Ademais, os gañadores repartiranse 7.500 euros divididos en catro premios: dous de 2.500 euros cada un para o centro que máis quilos recupere e para o que teña a mellor taxa de recollida por alumno, e outros dous de 1.250 euros para os segundos clasificados en cada categoría.

Os colexios que ao remate da competición resulten galardoados deberán destinar o diñeiro dos premios recibidos á compra de material escolar, deportivo ou á organización de actividades educativas co seu alumnado.

De feito, o CRA Amencer de Ribadavia, que hoxe visitou a conselleira, participou en todas as edicións deste concurso e nas cinco recibiu algún galardón na categoría de mellor taxa de recollida por alumno. Trátase dun colexio rural agrupado, formado por tres escolas localizadas nos lugares de San Cristovo, San paio e Francelos, no que o alumnado cursa educación infantil e os dous primeiros cursos de primaria.

En todo caso, os centros participantes na campaña Pilabot tamén poden ter acceso a outro tipo de actividades ao longo dos meses que durará o concurso, como un total de 50 talleres didácticos sobre a reciclaxe de pilas. Estas actividades estarán dispoñibles para os 150 colexios participantes en Pilabot aínda que terán prioridade aqueles centros que non acolleron ningún taller en edicións anteriores.

Con esta iniciativa, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático busca fomentar a reciclaxe de pilas entre a comunidade escolar e as familias do alumnado, ao tempo que se lles facilita información e recursos didácticos para promover actitudes positivas que preveñan os problemas de contaminación derivados dunha xestión inadecuada, xa que se trata dun dos residuos máis contaminantes que se xeran nos fogares.

De feito, desde que se puxo en marcha este certame, no ano 2019, xa se recolleron grazas aos centros educativos participantes un total de 244 toneladas de pilas, acumuladores e baterías usadas, unha cifra equivalente a uns 14 tráileres. E na pasada edición deste concurso, tal e como recordou a conselleira, as pilas recollidas polo alumnado -40 toneladas- supuxeron 1 de cada 7 das recuperadas en toda Galicia -286 toneladas-.