Presentación pilabot recicla reciclar pilas baterías ecopilas erp españa galicia xunta de galicia

Arrinca o prazo de inscrición para participar no Concurso Pilabot

O prazo de inscrición abriuse onte 22 de outubro, ás 12.00 horas, coincidindo co remate do acto de presentación en Boborás. Polo tanto, todos os centros educativos de educación primaria e secundaria de Galicia xa poden formalizar as inscricións na nosa web.

Presentación de Pilabot

O acto de presentación tivo lugar onte no CEIP Nosa Señora de Xuvencos, no Concello de Boborás. A Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, presentou o Concurso Pilabot en compañía de Javier Álvarez, Director do centro, Rosa González, Alcaldesa en funcións do Concello de Boborás, e xunto a Noa Miñán, de ERP España, e Julio Lema, de Ecopilas, en representación dos sistemas colectivos de responsabilidade ampliada de produtores (SCRAP) de pilas e acumuladores autorizados na Comunidade Autónoma de Galicia. Ao acto tamén asistiron en representación da Xunta de Galicia, Mª Cruz Ferreira , Directora Xeral de Calidade Ambiental, Marisol Díaz, Delegada Territorial da Xunta en Ourense, Mª Victoria Núñez, Xefa Territorial de Medio Ambiente e Luz Fernández, Xefa Territorial de Educación. E pola parte do Concello de Boborás, asistiron Avelino Prado, Concelleiro de Medio Ambiente e Ana Patricia Torres, Concelleira de Servicios Sociais.

A Conselleira dirixiuse ao alumnado para transmitirlles a importancia da reciclaxe de pilas. Comentou que se se trata do residuo máis perigoso e un dos máis contaminantes xerado polos humanos, polo que é moi importante tratalo axeitadamente para evitar danos ao medio ambiente. Ángeles Vázquez salientou tamén a importancia das campañas educativas e de sensibilización para achegar o problema da xeración de residuos aos cidadáns, facéndoos partícipes e colaboradores na recollida en orixe.

Os nenos e nenas de Boborás foron un público excepcional para a presentación de Pilabot. Prestaron moita atención e realizaron preguntas moi interesantes sobre a reciclaxe de pilas tanto á Conselleira como aos representantes dos SCRAPS. E non podemos esquecer o gran protagonismo que acadou a nosa mascota, Pilabot, que espertou simpatía entre pequenos e maiores.

Pilabot presentación foto grupo alumnado BOBORÁS robot conselleira ángeles vázquez Julio Lema Ecopilas

A importancia de concienciar ás novas xeracións

Con esta campaña preténdese involucrar na reciclaxe de pilas á mocidade galega de 6 a 16 anos. Desde Ecopilas lévase traballando con esta orientación desde hai tempo. En palabras de José Pérez, presidente de Ecopilas, “non hai mellores prescritores da reciclaxe nos fogares que os nenos e os mozos. Para aumentar esta cultura da reciclaxe entre as novas xeracións, o mellor medio é implicar e achegar os puntos de recollida de pilas á comunidade escolar, fundamentalmente, alumnos e profesores e, por extensión, ás súas familias. Ademais, -continúa Pérez-, no caso de Galicia, un territorio moi amplo con moitos pequenos núcleos de poboación, esta campaña supón unha vantaxe máis, ao facilitar á poboación unha rede de puntos de recollida accesibles e próximos”. Pola súa parte, Matias Rodrigues, director xeral de ERP España, comparte o compromiso dos SCRAP de pilas coa educación dos máis pequenos. “Historicamente, as accións que desenvolvemos con nenos foron as que mellor implicación e resultados directos conseguiron. Eles involúcranse desde o primeiro minuto e ademais empuxan a toda a familia”.

No Concurso Pilabot poderán participar ata un máximo de 150 centros educativos de toda Galicia. O concurso desenvolverase entre os meses de novembro e febreiro do presente curso escolar, de forma que os rapaces e rapazas se atopen mergullados na campaña durante a celebración do Nadal (etapa de gran consumo de pilas neste sector da poboación). O obxectivo é animarlles a depositar as pilas que non usen nos colectores que atoparán nos seus centros educativos. Previamente farase entrega aos estudantes dun recipiente individual para a recollida de pilas nos seus fogares.

En 2017 rexistrouse unha cifra de 225.356 quilos de pilas recollidas, o que supón un incremento dun 23% nos últimos 9 anos. Co Concurso Pilabot preténdese continuar incrementando a recollida selectiva de pilas en Galicia e concienciar a toda a poboación a través dos máis novos.

Repercusión mediática

Tanto a Xunta de Galicia como os SCRAPS fixéronse eco do arranque da campaña, como podemos comprobar nas seguintes ligazóns:

Ademais, numerosos medios de comunicación difundiron a nova da presentación do Concurso Pilabot:

Prazo de inscrición

O prazo de inscrición manterase aberto ata o vindeiro día 9 de novembro. Tal e como se indica nas bases legais do concurso, o número máximo de centros participantes será de 150 e a selección dos mesmos farase por estrita orde de inscrición. Non tardedes en inscribir o voso centro! A participar!