02 Mar Comeza o reconto oficial das pilas recollidas nos primeiros colexios participantes na segunda edición do concurso ‘Pilabot’
O reconto das pilas, baterías usadas e acumuladores recollidas no marco da segunda edición do concurso escolar Pilabot acaba de comezar oficialmente. Deste xeito, os primeiros centros que empezaron a recompilar estes residuos a mediados de xaneiro, serán tamén os primeiros en poñer fin a unha iniciativa da Xunta coa que se busca promover a recollida selectiva de pilas entre os máis cativos e na que participan en total 150 colexios de primaria e secundaria de toda Galicia.
De aquí e ata o vindeiro 31 de marzo, data prevista para a finalización oficial do concurso, as pesadas ‘in situ’ continuarán a facerse de forma progresiva en cada centro escolar a medida que vaian cumprindo seis semanas lectivas completas de participación.
Cómpre lembrar que este é o segundo ano que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, en colaboración cos xestores de pilas autorizados en Galicia (Ecopilas, ERP e Ecolec), impulsan esta campaña dirixida ao eido escolar coa finalidade de concienciar ás novas xeracións sobre o impacto medioambiental que poden chegar a causar este tipo de residuos. De feito, unha soa pila de botón das antigas pode contaminar ata 600.000 litros de auga, o que equivale ao consumo de 30 persoas durante toda a súa vida. Por iso, resulta primordial que se depositen no colector correspondente para darlles o tratamento axeitado.
O reparto do material para poder participar na campaña, que incluíu tamén carteis e merchandising ademais dos bidóns e das caixas individuais necesarios para facilitar o depósito dos residuos ao alumnado, levouse a cabo de forma progresiva entre o 13 de xaneiro e o 14 de febreiro ata chegar á totalidade dos 150 centros participantes – 62 deles da provincia de Pontevedra, 54 da Coruña, 19 de Ourense e 15 de Lugo-.
O concurso escolar de reciclaxe de pilas volve ser un ano máis a actividade central desta segunda edición de Pilabot, de forma que todos os colexios inscritos compiten entre si para acadar as mellores cifras de recollida de pilas de Galicia. Así, os alumnos e os centros escolares que consigan recuperar a maior cantidade destes residuos serán os gañadores. En total, repartiranse 7.500 euros divididos en catro premios e dúas categorías, que deberán destinarse á compra de material escolar e deportivo ou a organizar actividades educativas.
Concurso #eusonpilabot
Lembrade que pronto remata o prazo para inscribirse no concurso #eusonpilabot! Este certame creativo vai dirixido a todo o alumnado dos 150 centros participantes na campaña de recollida selectiva de pilas. Os interesados deberán cubrir o formulario de inscrición que figura na sección do concurso #eusonpilabot dentro da páxina web da campaña e seguir as indicacións correspondentes. O prazo de presentación de candidaturas permanecerá aberto ata o vindeiro 8 de marzo. A participar!