19 Dec En marcha a sexta edición da campaña escolar Pilabot para concienciar á comunidade educativa sobre a reciclaxe de pilas
- Os 150 colexios de Primaria e Secundaria participantes terán seis semanas lectivas para xuntar este tipo de residuos, con prazo límite ata o vindeiro mes de maio
- Os centros gañadores recibirán catro premios por un importe global de 7.500 € que deberán investir na compra de material ou en organizar actividades educativas
Desde a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático anímase a todos os centros educativos de Galicia de Educación Primaria ou de Secundaria a implicarse na campaña que, nesta sexta edición, volve contar cun total de 150 prazas dispoñibles a cubrir por rigorosa orde de inscrición.
Cómpre lembrar que todos os colexios públicos, privados ou concertados da comunidade que estean interesados no proxecto poderán acceder a toda a información así como a diferente material didáctico e informativo de interese a través da web oficial de Pilabot. Esta será a vía tamén para formalizar as inscricións, con prazo aínda aberto.
Respecto ao concurso escolar de reciclaxe de pilas, baterías e acumuladores en desuso, o 23 de xaneiro comezará o reparto paulatino entre os centros participantes de bidóns, colectores e outro tipo de material informativo. Unha vez recibido todo o material, cada centro terá seis semanas lectivas para participar e xuntar este tipo de residuos, con prazo límite ata o vindeiro mes de maio.
Reciclar ten premio
Os centros gañadores do concurso de reciclaxe de pilas desta edición recibirán un total de 7.500 euros en premios divididos en catro galardóns: dous de 2.500 euros cada un para o centro que máis quilos recupere e para o que teña a mellor taxa de recollida por alumno, e outros dous de 1.250 euros para os segundos clasificados en cada categoría.
Os colexios que resulten galardoados deberán destinar a súa recompensa á compra de material escolar, deportivo ou á organización de actividades educativas co seu alumnado.
Ademais, ofreceranse un total de 50 talleres didácticos sobre reciclaxe de pilas ao longo dos meses que durará o concurso. Estas actividades estarán dispoñibles para os 150 colexios participantes en Pilabot aínda que terán prioridade aqueles centros que non acolleron ningún taller en edicións anteriores.
Con esta iniciativa, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático busca fomentar a reciclaxe de pilas entre a comunidade escolar e as familias do alumnado, ao tempo que se lles facilita información e recursos didácticos para promover actitudes positivas que preveñan os problemas de contaminación derivados dunha xestión inadecuada, xa que se trata dun dos residuos máis contaminantes que se xeran nos fogares.
De feito, desde que se puxo en marcha este certame, no ano 2019, xa se recolleron grazas aos centros educativos participantes un total de 244 toneladas de pilas, acumuladores e baterías usadas, unha cifra equivalente a uns 14 tráileres.