
23 Dec Entrega virtual de premios da 2ª edición do Concurso Pilabot
O pasado luns 21 de decembro desevolveuse o acto de entrega de premios que pon o peche á segunda edición do Concurso Pilabot.
Entrega de premios virtual
Presidiron o acto telemático a directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, e os representantes dos Sistemas Colectivos de Responsabilidade Ampliada do Produtor de pilas e acumuladores (SCRAP) autorizados en Galicia: Laura Alonso, directora xeral de ERP España, José Pérez, presidente de Ecopilas e Luís Moreno, directo xeral da Fundación Ecolec.
Por parte dos galardoados, asistiron a directora Iris Gómez e a coordinadora Gloria Baz do CEIP As Solanas Nicolás Gutiérrez Campo (A Guarda), Arturo Alborés, secretario do CEIP da Cruz (Nigrán), Raquel Rodríguez, directora do CRA Amencer (Ribadavia) e José Roca, director do CEIP de Caión (A Laracha).
Os gañadores da primeira das categorías nas que se dividía o certame Pilabot, recollida de pilas, baterías e acumuladores nos contedores habilitados nos propios centros, foron o CEIP As Solanas Gutiérrez Campos, que logrou recuperar 4.065 kg durante as seis semanas de concurso, e en segunda posición, o CEIP da Cruz, onde se recolleron un total de 2.926 kg deste material.
En canto á segunda categoría, que buscaba recompensar aos dous centros coas mellores ratios de recollida por alumno, o primeiro premio recaeu, por segundo ano consecutivo, no CRA Amencer, con case 87 kg por estudante, e o segundo foi para o CEIP de Caión, cunha media de 46,41 kg por alumno.
Sagrario Pérez, directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, subliñou o “compromiso” coa reciclaxe demostrado pola comunidade escolar dos centros participantes e gabou o seu “exemplo”, animándoos a seguir apostando pola recuperación deste tipo de residuos tanto no colexio como na casa.
Ranquing de centros participantes
Os 150 centros participantes poderán consultar os resultados do seu centro na segunda edición de concurso Pilabot de recollida de pilas:
- Ranquing da categoría A: quilos de pilas totais recollidos por centro (DESCARGA O DOCUMENTO).
- Ranquing da categoría B: quilos de pilas totais recollidos por alumno (DESCARGA O DOCUMENTO).
Concursos e accións divulgativas para crear conciencia
Os colexios galardoados co primeiro premio en cada unha das categorías recibirán 2.500 euros cada un, mentres que os que acabaron en segunda posición levarán, respectivamente, unha recompensa en metálico de 1.250 euros. En total, os catro centros repartiranse 7.500 euros que deberán destinar á compra de material escolar e deportivo ou á realización de actividades de carácter educativo.
A finalidade de todas as accións desenvolvidas na campaña Pilabot é concienciar á comunidade educativa e ás familias do alumnado sobre o impacto que teñen este tipo de residuos se non se xestionan dunha forma axeitada. Para conseguir estes obxectivos, a campaña deste ano volveu incluír tamén un concurso fotográfico (#EuSonPilabot, resolto o pasado mes de xuño), a realización de charlas divulgativas en 50 dos centros participantes para concienciar ao alumnado sobre a importancia da correcta separación das pilas e o seu depósito en contedores específicos, así como a elaboración e entrega de material didáctico entre todos os colexios inscritos.
A actividade central desta segunda edición foi o concurso escolar de reciclaxe, que arrancou escalonadamente a partir de xaneiro e tivo que suspenderse de forma temporal en marzo nalgúns colexios por mor da crise da Covid-19, retomándose a recollida o pasado mes de outubro, coincidindo coa volta dos rapaces ás aulas.
De feito, durante a edición 2018-2019 de Pilabot recolléronse entre todos os centros participantes preto de 44 toneladas de pilas, acumuladores e baterías usadas, unhas cifras espectaculares xa que representan case a quinta parte das 230,5 toneladas recuperadas no ano 2018 en toda a comunidade autónoma.
Mellora das cifras de reciclaxe de pilas
Cómpre lembrar que as pilas son un tipo de residuo que ten unha alta carga contaminante e ademais están presentes en toda clase de dispositivos. Por esta razón, desde a Consellería de Medio Ambiente considérase especialmente importante fomentar a súa correcta separación desde os colexios co fin de que a mensaxe chegue ás novas xeracións e contribúa a conciencialas sobre o impacto medioambiental que poden chegar a ter.
En todo caso, nos últimos anos tense detectado un incremento notable da concienciación da poboación galega con respecto ao tratamento das pilas, pero aínda queda camiño por andar. Segundo as cifras do ano 2019, as últimas dispoñibles, en Galicia recuperáronse 329 toneladas de pilas, o que supón un incremento do 67% na última década e do 52% respecto aos datos de hai tres anos. No caso das pilas de orixe doméstica, a tendencia é igualmente positiva, chegando en 2019 ás 300 toneladas recollidas.