Presentación 3ª edición campaña Pilabot curso 2021_2022

A Xunta lanza a terceira edición da campaña escolar de reciclaxe ‘Pilabot’ co reto de superar as 59 toneladas de pilas recuperadas o curso pasado

  • Os colexios de Primaria e Secundaria interesados en participar poderán inscribirse desde hoxe e ata o próximo 10 de decembro.
  • Ángeles Vázquez felicita ao alumnado galego polos “espectaculares” datos das dúas edicións anteriores e anima á comunidade escolar a implicarse na nova convocatoria
  • Salienta que unha de cada cinco pilas recicladas en Galicia foron achegadas polos 150 centros educativos que competiron no certame durante o curso 2019-2020

A Xunta de Galicia, coa colaboración e apoio dos xestores de pilas autorizados Ecopilas, ERP e Ecolec, impulsa un ano máis a campaña escolar Pilabot, unha iniciativa para promover a concienciación das novas xeracións sobre a reciclaxe a través dun concurso de recollida de pilas, acumuladores e baterías usadas entre colexios de Primaria e Secundaria de toda a Comunidade.

Durante unha visita ao CEIP As Solanas da Guarda, que durante o curso 2019-2020 gañou o primeiro premio ao recuperar máis de 4 toneladas destes residuos, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, subliñou que grazas ao esforzo de todo o alumnado participante na pasada edición se reciclaron un total de 59 toneladas de pilas, é dicir, 15 toneladas máis que na primeira convocatoria.

O obxectivo da que será a terceira convocatoria de Pilabot, explicou a conselleira, será superar estas cifras, para o que animou aos centros educativos de toda Galicia a implicarse na campaña, que conta cun total de 150 prazas dispoñibles.

Desde hoxe e ata o vindeiro 10 de decembro todos os colexios galegos interesados en participar nesta iniciativa poderán inscribirse a través da páxina web de Pilabot.

A actividade central volverá ser o concurso escolar de reciclaxe de pilas, baterías e acumuladores de xeithttps://pilabot.gal/o que unha vez pechada a inscrición, repartiranse entre todos os participantes bidóns colectores e material informativo como paso previo ao arranque da recollida, que comezará oficialmente o 13 de xaneiro e se prolongará en cada centro durante un período de seis semanas.

Tras insistir nos excelentes resultados das dúas edicións anteriores de Pilabot, Ángeles Vázquez felicitou ao alumnado do CEIP As Solanas e ao do resto de colexios que se implicaron o curso pasado na campaña polo compromiso amosado coa reciclaxe de pilas, un dos residuos máis perigosos e contaminantes que se xeran nos fogares.

Neste sentido, a conselleira lembrou que a concienciación da sociedade galega no seu conxunto con respecto a este material e a necesidade de reciclalo vai en aumento, destacando que no período 2018-2020 a recollida deste tipo de residuos creceu un 60%.

“Sodes un exemplo a seguir e marcades tendencia”, declarou a conselleira, quen destacou que o ano pasado unha de cada cinco pilas recuperadas en Galicia foron achegadas polos 150 centros educativos que participaron en Pilabot. Unhas cifras “espectaculares” e que na súa opinión son un bo exemplo da efectividade deste tipo de campañas de concienciación sobre o impacto ambiental de determinado tipo de residuos.

Cómpre lembrar que, ademais do CEIP As Solanas da Guarda, no marco da segunda edición do concurso tamén resultaron galardoados o CEIP da Cruz, de Nigrán, —segundo premio na categoría de recollida total de pilas— o Centro Rural Agrupado Amencer, de Ribadavia, —que ao igual que no curso anterior acadou a primeira posición en canto a quilos recuperados por alumno— e o CEIP de Caión, na Laracha, —que quedou en segundo lugar nesta mesma categoría—.

Reciclar ten premio

Os gañadores do terceiro concurso de reciclaxe de pilas Pilabot, que se prolongará ata o vindeiro 31 de marzo e durante o cal os centros participantes competirán entre si para acadar as mellores cifras de recollida, repartiranse 7.500 euros divididos en catro premios: dous de 2.500 euros cada un para o centro que máis quilos recupere e para o que teña a mellor taxa de recollida por alumno, e outros dous de 1.250 euros para os segundos clasificados en cada unha destas categorías.

Os colexios que ao remate da competición resulten galardoados deberán destinar o diñeiro dos premios á compra de material escolar, deportivo ou á organización de actividades educativas co seu alumnado.

En todo caso, a campaña Pilabot tamén incluirá outro tipo de actividades, como charlas e talleres de sensibilización ambiental, material específico da iniciativa á disposición dos centros participantes e un certame artístico de carácter individual que baixo o lema #EuSonPilabot porá a proba a imaxinación e a creatividade dos escolares galegos.