Pilabot_cuartaedición_arranque_xaneiro_2023

O alumnado de 150 centros de ensino galegos inicia a recollida de pilas no marco da cuarta edición do concurso Pilabot da Xunta

  • Terán seis semanas para recadar a maior cantidade posible deste tipo de residuos
  • A campaña escolar tamén prevé a celebración de obradoiros didácticos e a convocatoria dun concurso artístico de creación de carteis para todo o alumnado
  • O obxectivo é repetir ou mesmo superar as cifras das anteriores convocatorias, que se pecharon coa recollida dunha media de 50 toneladas de pilas, acumuladores e baterías

A Xunta de Galicia acaba de iniciar a cuarta edición do concurso Pilabot en 150 centros de ensino galegos, co obxectivo de concienciar á mocidade galega sobre a importancia da reciclaxe de pilas.

Obxectivos da campaña Pilabot

O certame Pilabot, posto en marcha pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en colaboración cos xestores de pilas autorizados na Comunidade —Ecopilas, ERP e Ecolec—, busca fomentar a reciclaxe deste tipo de residuos entre a comunidade escolar e as familias do alumnado, ao tempo que se facilita información e recursos didácticos para promover actitudes positivas que preveñan os problemas de contaminación que poden ser derivados se non se xestionan de forma adecuada.

Os centros competirán entre si ao longo de seis semanas lectivas para acadar as mellores cifras de recollida de pilas, acumuladores e baterías en desuso, que son dos residuos máis contaminantes que se xeran nos fogares.

Reciclar ten premio

Deste xeito, os catro centros gañadores repartiranse 7.500 euros divididos en catro premios. Dous deles de 2.500 euros, un para o centro que máis quilos recupere e outro para o que teña mellor taxa de recollida por alumno. Os outros dous, de 1.250 euros, para os segundos clasificados nas anteriores categorías. Os premios deberán destinarse, en calquera caso, á compra de material escolar e deportivo ou a organizar actividades educativas.

Pilabot_cuartaedición_arranque_xaneiro_2023_01Actividades paralelas

Paralelamente, tamén está prevista a realización de talleres educativos en medio cento dos colexios participantes, como xa ocorreu na edición anterior. O obxectivo é poñer en valor a importancia das pilas na vida diaria das persoas, facer fincapé na necesidade de garantir a súa correcta reciclaxe e implicar ao conxunto da comunidade educativa destes centros nos obxectivos da campaña Pilabot.

Na mesma liña, tamén se celebrará unha nova edición do concurso artístico #Eusonpilabot dirixido á totalidade do alumnado dos centros participantes. O vindeiro 23 de febreiro abrirá o prazo de inscrición, para o que haberá que enviar un cartel publicitario inspirado na reciclaxe de pilas.

Os escolares inscritos poderán participar en cinco categorías, correspondentes a cada un dos ciclos das etapas educativas de Primaria e Secundaria, e fixaranse cinco premios, que se outorgarán ao mellor cartel de cada categoría, cuxos autores recibirán unha tableta.

Esta cuarta edición do concurso Pilabot márcase como reto superar ou polo menos igualar os bos resultados acadados nas tres anteriores, nas que se recolleron unha media de 50 toneladas de pilas, acumuladores e baterías usadas, cifras que representan unha porcentaxe destacada respecto da cantidade recompilada en toda Galicia cada ano.