14 Set Pilabot regresa ás aulas galegas e abre as inscricións para o curso 2026-2027
- Os centros educativos de Galicia poderán inscribirse ata o 2 de outubro e optar a catro premios por un importe global de 7.500 euros
Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2026.- A campaña escolar Pilabot regresa ás aulas galegas. Desde hoxe, 14 de setembro, os centros educativos interesados en participar na nova edición, correspondente ao curso escolar 2026-2027, xa poden formalizar a súa inscrición a través da web www.pilabot.gal.
A iniciativa ten como obxectivo fomentar a recollida selectiva de pilas, acumuladores e baterías usadas nos centros educativos e sensibilizar o alumnado e o conxunto da comunidade educativa sobre a importancia da correcta xestión destes residuos.
Promovida pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, en colaboración cos xestores de pilas autorizados Ecopilas, ERP, Ecolec e Unibat, Pilabot combina a recollida de pilas usadas nos centros participantes con diferentes accións e recursos de sensibilización ambiental.
Inscricións abertas ata o 2 de outubro
Os centros de educación primaria e secundaria de Galicia que queiran participar nesta nova edición poderán inscribirse ata o venres 2 de outubro. Cómpre lembrar que as prazas asignaranse por estrita orde de inscrición, tal e como figura nas bases legais do concurso.
Ademais de contribuír á correcta xestión e reciclaxe das pilas usadas, os centros participantes terán a oportunidade de competir por catro premios, cun importe global de 7.500 euros, que deberán destinar á adquisición de material escolar ou deportivo ou á organización de actividades educativas.
Toda a información sobre a convocatoria, o proceso de inscrición e o funcionamento da campaña está dispoñible en www.pilabot.gal.
292 toneladas de pilas recollidas en centros educativos 
Pilabot conta xa con seis edicións nas que a comunidade educativa galega demostrou a súa implicación coa recollida selectiva destes residuos. Na sexta edición, correspondente ao curso escolar 2024-2025, participaron 150 centros educativos e máis de 31.600 estudantes, que conseguiron reunir 47.779,70 quilogramos de pilas, acumuladores e baterías usadas.
Desde a posta en marcha da campaña, no curso 2018-2019, Pilabot permitiu recuperar xa preto de 292 toneladas de pilas, grazas á participación dos centros educativos e á implicación do alumnado e das súas familias.
Os resultados acadados ao longo destas seis edicións consolidan Pilabot como unha iniciativa de referencia para achegar a reciclaxe e a economía circular ás aulas galegas, promovendo hábitos responsables que poden trasladarse tamén ao ámbito familiar e social.
Un novo curso para reciclar con enerxía
Co regreso da campaña, Pilabot anima os centros educativos galegos a sumarse a esta nova edición e facer das súas aulas un espazo desde o que aprender, participar e contribuír á correcta xestión das pilas e baterías usadas.

