Un alumno do CEIP As Solanas da Guarda gaña a segunda edición do certame #eusonpilabot

O segundo premio recaeu nunha alumna do CRA Amencer, de Ribadavia, e o terceiro foi para un alumno do CEIP Plurilingüe Tirán, de Moaña.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de resolver o segundo concurso de fotografía artística #eusonpilabot, enmarcado na campaña de sensibilización ambiental Pilabot coa que se busca fomentar a recollida selectiva de pilas, baterías e acumuladores portátiles entre a poboación escolar a través da organización de diversas actividades, charlas e accións de sensibilización en centros de educación primaria e secundaria.

Tras a suspensión temporal do certame a causa da situación de crise sanitaria, a organización reactivou o período de votación pública durante unha semana, periodo que rematou onte, luns 15 de xuño ás 23.59 h, dando como resultado un empate entre as dúas fotografías máis apoiadas. Deste xeito, tal e como se recolle nas bases legais do concurso, un xurado formado por representantes da Xunta e dos SCRAP (Sistema de Responsabilidade Colectiva Ampliada do Produtor) foi o encargado de resolver que os gañadores son:

Primeiro Premio

Tomás de la Fuente Jansen, alumno de 2º de primaria do CEIP As Solanas, da Guarda, con 329 votos, foi galardoado co primeiro premio e unha tablet grazas á súa foto titulada “Xamáis botes pilas ao mar”.

"Xamáis botes pilas ao mar", de Tomás de la Fuente primeiro premio do certame #eusonpilabot

“Xamáis botes pilas ao mar” acadou o primeiro premio #eusonpilabot

Segundo Premio

Alba González Gregorio, alumna de 2º de primaria do CRA Amencer de Ribadavia, con 329 votos, quedou en segunda posición con “As miñas bonecas tamén reciclan”, e recibirá como premio un altofalante bluetooth.

"As miñas bonecas tamén reciclan" acadou o segundo premio #eusonpilabot

“As miñas bonecas tamén reciclan” acadou o segundo premio #eusonpilabot

Terceiro Premio

Lucas Barreiro Costa, que cursa 1º de primaria no CEIP Plurilingüe de Tirán, obtivo 157 votos e levou unha pulseira fitness polo terceiro posto acadado coa foto “O desfile da reciclaxe”.

“O desfile da reciclaxe” acadou o terceiro premio #eusonpilabot

Preto de 40 alumnos e alumnas de distintas idades participaron nesta segunda edición do concurso #eusonpilabot con fotografías que tiñan como protagonistas as pilas e as caixas individuais de recollida que se repartiron entre o alumnado dos centros participantes na campaña.

A pesar dos contratempos derivados da suspensión da actividade lectiva por mor da crise sanitaria, foi posible resolver o certame de fotografía artística ao realizarse a fase final de xeito totalmente on line.

Moitas grazas aos participantes nesta segunda edición, e noraboa aos premiados!