13 Feb Unha alumna do CPI Castro Baxoi de Miño gaña o primeiro concurso de fotografía ‘Eu son Pilabot’
O segundo premio recaeu nunha estudante de 5º curso do CEIP Lamas de Abade, de Santiago, e o terceiro foi para unha alumna do CRA Amencer de Ribadavia
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de resolver o primeiro concurso de fotografía artística #eusonpilabot, enmarcado na campaña de sensibilización ambiental Pilabot coa que se busca fomentar a recollida selectiva de pilas, baterías e acumuladores portátiles entre a poboación escolar a través da organización de diversas actividades, charlas e accións de sensibilización en centros de educación primaria e secundaria.
Sofía Iglesias, alumna de 1º do CPI Castro Baxoi de Miño, foi galardoada co primeiro premio e unha tablet grazas á súa foto titulada “Polo camiño coidando Miño”.
Nadia Carballo, estudante de 5º no CEIP Lamas de Abade, en Santiago de Compostela, quedou en segunda posición con “Construímos reciclando” e recibiu como premio un altofalante bluetooth;
Nerea López, que cursa 2º de primaria no CRA Amencer de Ribadavia, levou unha pulseira fitness polo terceiro posto acadado coa foto “Recicla pilas! A ver se te animas!”
Preto de 80 rapaces de distintas idades participaron nesta primeira edición do concurso #eusonpilabot con fotografías que tiñan como protagonistas as pilas e as caixas individuais de recollida que se repartiron entre o alumnado dos centros participantes na campaña.
De entre todas as instantáneas recibidas, un xurado formado por representantes da Xunta e dos SCRAP (Sistema de Responsabilidade Colectiva Ampliada do Produtor) seleccionou as finalistas; e do 1 ao 10 de febreiro, as fotos escollidas foron publicadas na páxina de Facebook de Pilabot co fin de sometelas a votación popular e decidir as gañadoras en función dos ‘gústame’ que rexistraron.
Campaña ‘Pilabot’
A campaña Pilabot foi posta en marcha o pasado 1 de outubro pola Consellería de Medio Ambiente, en colaboración dos xestores de Ecopilas, ERP e Ecolec, co obxectivo de fomentar a reciclaxe de pilas entre os escolares e as súas familias. En total, 150 colexios de primaria e secundaria de toda Galicia (53 da provincia de A Coruña; 15 de Lugo; 31 de Ourense; e 51 de Pontevedra) están adheridos á mesma durante o curso 2018-2019.
Ademais do certame individual de fotografía artística que acaba de resolverse, esta campaña inclúe tamén como actividade estrela un concurso de reciclaxe de pilas, de forma que os centros participantes que consigan as mellores cifras de recollida recibirán un premio económico para a compra de material escolar ou deportivo. Concretamente, estableceranse catro premios: dous, dotados con 2.500 euros cada un, para o centro escolar que máis quilos de pilas reúna e tamén para o que máis quilos recolla por alumno; e outros dous, de 1.250 euros, para os colexios que queden en segunda posición.
Entre as actividades programadas, que se prolongarán ata o mes de marzo, tamén se inclúen accións informativas e charlas educativas nos propios centros, coa entrega de material divulgativo sobre a campaña e a reciclaxe de pilas, así como actividades participativas.
Cómpre lembrar que este tipo de residuos teñen unha alta carga contaminante. A modo de exemplo, unha soa pila de botón, como a que se emprega nun reloxo, pode contaminar ata 600.000 litros de auga, o que equivale ao consumo de 30 persoas durante toda a súa vida polo que resulta primordial que este tipo de residuo se deposite no colector correspondente para darlle o tratamento axeitado.
Ademais, as pilas atópanse en múltiples dispositivos, como xoguetes, cámaras, lanternas, reloxos… polo que desde a Consellería de Medio Ambiente considérase fundamental fomentar a súa correcta separación non só nos fogares, senón tamén nos traballos, centros de ocio e colexios, un dos mellores lugares para trasladar ás futuras xeracións a importancia de separar ben e depositar estes residuos en contedores específicos.
En todo caso, nos últimos anos tense incrementado de forma notable a concienciación da poboación galega con respecto ao tratamento das pilas, pero aínda queda camiño por andar. Segundo as cifras de 2017 (últimos datos dispoñibles), en Galicia recuperáronse 225.356 quilos de pilas, o que supón un incremento dun 23% nos últimos 9 anos.