
22 Nov Volta o Concurso Pilabot ás aulas galegas!
Medio Ambiente aspira a implicar a un total de 150 colexios galegos na segunda edición da súa campaña de reciclaxe ‘Pilabot’. Todos os centros escolares interesados en participar poderán inscribirse desde hoxe e ata o vindeiro 13 de decembro na sección INSCRICIÓNS.
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, en colaboración cos xestores de pilas autorizados en Galicia (Ecopilas, ERP e Ecolec), impulsarán de novo este ano a campaña Pilabot, unha iniciativa para promover a recollida selectiva de pilas, acumuladores e baterías usadas nos centros educativos de primaria e secundaria da comunidade, ao tempo que se conciencia ás novas xeracións sobre o impacto medioambiental deste tipo de residuos.
A campaña inclúe como actividade principal un concurso de reciclaxe, de forma que todos os centros participantes competirán entre si para acadar as mellores cifras de recollida de pilas. En total, repartiranse 7.500 euros divididos en catro premios, que os gañadores deberán destinar á compra de material escolar, deportivo ou á organización de actividades educativas.
Nesta segunda edición, o obxectivo da Xunta é chegar a un total de 150 colexios de toda Galicia e igualar ou mesmo superar os bos resultados acadados o curso pasado. De feito, durante a primeira convocatoria do concurso Pilabot recolléronse entre todos os centros participantes preto de 44 toneladas de pilas, acumuladores e baterías usadas, unhas cifras que representan case a quinta parte das 230,5 toneladas que se recompilaron o ano pasado no conxunto da comunidade autónoma.
Os colexios interesados en participar poderán inscribirse a partir de hoxe e ata o 13 de decembro –ou ata completar as prazas ofertadas; e o concurso de recollida de pilas comezará oficialmente en xaneiro e prolongarase ata o vindeiro mes de maio.
Os galegos, cada vez máis concienciados
Cómpre lembrar que este tipo de residuos teñen unha alta carga contaminante e ademais están presentes en toda clase de dispositivos. Por esta razón, desde a Consellería se considera especialmente importante fomentar a súa correcta separación desde os colexios co fin de que a mensaxe chegue ás novas xeracións e contribúa a conciencialas sobre o impacto medioambiental que poden chegar a ter.
A modo de exemplo, unha soa pila de botón como a que se emprega nun reloxo pode contaminar ata 600.000 litros de auga, o que equivale ao consumo de 30 persoas durante toda a súa vida. Por iso, resulta primordial que este tipo de residuo se deposite no colector correspondente para garantir que se lle dea o tratamento axeitado.
En todo caso, nos últimos anos tense detectado un incremento notable da concienciación da poboación galega con respecto ao tratamento das pilas, pero aínda queda camiño por andar. Segundo as cifras de 2018, en Galicia recuperáronse 230,5 toneladas de pilas, o que supón un incremento do 25% na última década e do 8% respecto ás cifras de hai tres anos. No caso concreto das pilas de orixe doméstica, a tendencia é igualmente positiva, superando en 2018 as 200 toneladas recollidas.