A Consellería de Medio Ambiente reactiva a campaña Pilabot de recollida de pilas en centros escolares

As actividades presenciais do concurso quedaron suspendidas o pasado mes de marzo a causa da crise sanitaria. A última fase do concurso desenvolverase no mes de outubro, e en novembro prevese coñecer os gañadores.

A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda reactivará, o vindeiro xoves 15 de outubro, a última fase do concurso de recollida de pilas en centros escolares, no marco da campaña Pilabot,

A campaña, organizada en colaboración cos SCRAP de pilas e acumuladores autorizados na Comunidade Autónoma de Galicia (Ecopilas, ERP e ECOLEC), suspendeuse de maneira temporal o pasado mes de marzo por mor da crise da Covid-19. Nese momento, algúns dos centros participantes atopábanse en fase de concurso polo que a súa participación quedou pendente de concluír.

Agora, coa volta ás aulas dos estudantes de educación primaria e secundaria, a organización de Pilabot retomará, a partir do vindeiro xoves 15 de outubro, as accións que restaban por levar a cabo para a conclusión do concurso. Desta forma, 55 colexios e institutos que aínda non remataran o seu período de participación poderán completar as 6 semanas lectivas establecidas nas bases do concurso. Unha vez que finalicen todas as recollidas e se analicen os resultados, prevese coñecer os centros gañadores desta segunda edición o vindeiro mes de novembro.

Campaña Pilabot

A campaña Pilabot, que este ano celebra a segunda edición, púxose en marcha pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, en colaboración cos Sistemas Colectivos de Responsabilidade Ampliada do Produtor, Ecopilas, ERP e Ecolec.

O obxecto é fomentar a reciclaxe das pilas entre a comunidade escolar e as familias do alumnado, ao tempo que se facilita información e recursos didácticos para promover actitudes positivas que preveñan os problemas de contaminación que poden ser derivados se non se xestionan de forma adecuada.

A campaña inclúe, ademais do concurso de recollida nos centros, un concurso fotográfico (#EuSonPilabot, o cal foi resolto o pasado mes de xuño), a realización de charlas divulgativas en 50 centros para concienciar ao alumnado sobre a importancia da correcta separación das pilas e o seu depósito nos contedores específicos, así como a elaboración e entrega de material didáctico para todos os centros participantes.

O reto da presente edición é superar os bos resultados acadados durante a primeira convocatoria do concurso Pilabot (2018/2019), na que se recolleron, entre todos os centros participantes, preto de 44 toneladas de pilas, acumuladores e baterías usadas, unhas cifras que representan case a quinta parte das 230,5 toneladas que se recompilaron o ano pasado no conxunto da Comunidade Autónoma.