Participa no concurso de fotografía artística #eusonpilabot

Arranca o concurso #eusonpilabot!

Os alumnos dos centros participantes na Campaña Pilabot poderán presentar fotografías que incidan na mensaxe de poñer en práctica unha recollida selectiva e a reciclaxe deste tipo de residuos.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de convocar a segunda edición do concurso fotográfico #Eusonpilabot, que ten por obxectivo concienciar á comunidade escolar na necesidade de reciclar e facer unha recollida selectiva deste tipo de residuos.

Este certame está dirixido a todo o alumnado dos centros participantes na campaña para o fomento da recollida selectiva das pilas, Pilabot. Na presente edición, un total de 150 centros de toda a comunidade se sumaron a esta iniciativa, dos cales 62 con da provincia de Pontevedra, 54 da Coruña, 19 de Ourense e 15 de Lugo.

Os participantes deberán presentar unha fotografía feita por eles mesmos que represente unha imaxe de concienciación sobre a recollida selectiva e a reciclaxe das pilas, polo que deberá aparecer a caixa individual de recollida de pilas que os centros educativos entregan ao alumnado do concurso Pilabot, ao menos unha pila ou acumulador portátil ou imaxes que os representen.

Entre todas as fotografías recibidas realizarase unha selección das obras finalistas por parte dun xurado interno da organización, e estas serán publicadas a través da páxina web www.pilabot.gal e redes sociais para someterse a unha votación pública, de maneira que as tres máis votadas recibirán premio (unha tablet, un altofalante bluetooth ou unha pulseira fitness).

Para presentar unha fotografía a este concurso, os/as interesados/as deberán cubrir o formulario de inscrición que figura na sección do concurso #eusonpilabot da páxina web da campaña, aceptar as bases legais, poñer un título á fotografía e achegar o arquivo que desexen presentar.

O prazo de presentación de candidaturas vén de abrirse o luns 17 de febreiro, e permanecerá aberto ata o día 8 de marzo. Unha vez realizada a selección de finalistas, abrirase o prazo de votación a partir do 13 de marzo e ata o 30 do mesmo mes, período no que todo o mundo poderá votar polas fotografías que máis lle gusten. O 31 de marzo comunicarase o resultado das votacións, dándose a coñecer as 3 máis votadas, que serán as gañadoras.

Animade aos alumnos e alumnas a participar!